20 abr 2009

¡Somos finalistas!

O blog amigo Escola de Ismaíl quedou finalista no III Premio Espiral Edublogs 09. Non tería conseguido iso se non estivese aquí, utilizando as ideas que se contan en Contomundi.

Por iso, encargoume que, no seu nome, agradeza a vosa compañía…

18 abr 2009

O macaco e o rabo

Conto popular | Brasil

Unha vez un macaco pensou facer fortuna. Para iso foi situarse por onde tiña que pasar un carreteiro co seu carro. Unha vez alí, estendeu o rabo polo camiño por onde deberían pasar as rodas do carro. Cando chegou, o carreteiro díxolle:

-Macaco, retira o rabo do camiño, que quero pasar.
-Non penso -respondeu o macaco.

O carreteiro azoutou aos bois e o carro pasou por encima do rabo do macaco, e cortoullo. O macaco, entón, comezou a berrar:

-¡Quero o meu rabo! ¡Quero o meu rabo! ¡Ou se non que me dean unha navalla!

O carreteiro deulle unha navalla, e o macaco, moi alegre, empezou a cantar:

O macaco prego-¡Perdín o meu rabo! ¡Gañei unha navalla! ¡Tinglin, tinglin, que marcho pra Angola!

Botou a andar, e despois dun tempo, encontrou a un home negro moi vello, que estaba facendo cestas e cortando os vimbios cos dentes. O macaco díxolle:

-¡Ouh, vello amigo, pobre de ti, que estás cortando os vimbios cos dentes! Ten esta navalla, amigo.

O home colleuna, pero cando intentou cortar os vimbios, a navalla rompeu. O macaco, de novo comezou a berrar:

-¡Quero a miña navalla! ¡Quero a miña navalla! ¡Ou se non dame un cesto!

O negro vello deulle un cesto e o macaco foise moi contento cantando:

-¡Perdín o meu rabo, gañei unha navalla, perdín a miña navalla, gañei un cesto!... ¡Tinglin, tinglin, que marcho pra Angola!

Seguiu camiñando, e máis adiante atopou a unha muller que estaba facendo moletes de pan que poñía na súa saia.

-¡Ouh señora miña -dixo-, facendo pan e poñéndoo na saia! Pois aquí ten un cesto.

A muller aceptouno, e empezou a botar os moletes no cesto, pero colocou tantos que o fondo do cesto rachou. O macaco berrou:

-¡Quero o meu cesto, quero o meu cesto! ¡Ou se non que me dean un molete!

A muller deulle un, e el moi feliz empezou a cantar:

-¡Perdín o meu rabo, gañei unha navalla, perdín a miña navalla, gañei un cesto, perdín o meu cesto, gañei un pan!... ¡E agora vou comer o pan! ¡Tinglin, tinglin, que marcho pra Angola!

E foise moi contento, coméndose todo o seu pan.

A corrente dos 8 desexos

Caminhamos_Juntas Fun convidado pola profesora e contadora de historias Fátima Campilho, do blog Blogstórias Essenciais, para participar na corrente creativa dos oito desexos. No seu momento, a amiga Fátima foi convidada polo escritor, músico e arte-educador Marcelo Maluf, do blog Labirintos no Sótão. E, antes, Marcelo Maluf fora invitado por… Entendedes como é o asunto, non?

  • A primeira tarefa e escribir oito desexos, mellor se tamén xogamos coa fantasía. Os meus son:

1) Descubrir un bosque máxico para perderme nel. 2) Escribir un libro como El gigante de la historia. 3) Facer do sorriso a asignatura máis importante. 4) Posuír unha máquina do tempo para desfacer o que desfixen. 5) Ter unha alfombra máxica para viaxar ata as areas do deserto. 6) Saber tocar mellor a guitarra. 7) Facer unha biblioteca, a carón dunha praia, con libros ben marabillosos. 8) Ser un contador de historias. 

A segunda tarefa é convidar a oito blogs para que soñen un pouquiño, se é posible. Eu invito aos seguintes:

As outras tarefas son as mesmas de calquera meme que se precie:

  • Comentar no blog de quen nos convidou.
  • Comentar no blog dos nosos(as) convidados(as), para que saiban da "convocatoria".
  • Mencionar as regras.

Moitas grazas pola vosa colaboración.

14 abr 2009

One Love

Hai algúns meses falabamos do proxecto Playing For Change. Ese proxecto reuniu un grupo de músicos populares, de cores e terras moi distintas, que cantaron determinadas cancións de sona gravadas en diferentes lugares do mundo. Naquela ocasión, en decembro, trouxemos o vídeo da canción titulada Stand By Me.

Hoxe, e para disfrutar de novo coa súa música, eses músicos tocan e cantan a canción One Love, de Bob Marley.

11 abr 2009

Os contadores de historias

Os contos conteñen unha explicación xeral do mundo, onde caben todo o mal e todo o ben, e onde se atopa sempre o camiño para rachar cos máis terribles feitizos.

ITALO CALVINO, De fábula (Siruela, 1998).

Vídeo da Editora Atica (Brasil) sobre o proxecto titulado Planeta das Histórias, que relaciona o mundo do libro e o traballo dos contacontos ou contadores de historias.

10 abr 2009

As bruxas

Hai algunhas diferencias entre bruxas e meigas, aínda que tanto unhas como outras estímanse dotadas de idéntico poder escuro. Pero a palabra meiga posúe na lingua galega a dobre significación adxectiva de enfeitizadora, que atrae, que engaiola ou seduce.

A bruxa é capaz de ocasionar dano a outros sen que a descubran, e pode transformarse en mosca ou araña para penetrar nas vivendas dos demais. A bruxería transmítese de nai a fillas, e tamén por adestramento e por entrega ao demo.

As bruxas, segundo contan, ían aos seus aquelarres montadas en vasoiras. Así pasaba no Monte Neme, entre Carballo e Malpica (A Coruña). Nese lugar, e durante a noite de San Xoán, xuntábanse para levar a cabo os seus rituais. Outros, en cambio, defenden que tamén eran as meigas de Bergantiños as que acudían a ese monte.

Vítor Vaqueiro di que esa mesma noite de San Xoán, pero na praia de Areas Gordas, en Cangas (Pontevedra), as bruxas reuníanse ao redor dunha fonte. E tamén nunha fonte, pero en Castro de Famelga, en Augasantas-Cotobade (Pontevedra), xuntábanse os sábados.

Baba Yaga

A figura da bruxa aparece en moitas culturas. No folclore eslavo é moi coñecido o personaxe de Baba Iaga, que incluso foi utilizado por autores de contos de fadas modernos.

6 abr 2009

O Selo Violeta

Desde Brasil, enviado pola querida Fátima Campilho, este blog recibiu O Selo Violeta. Agradecemos o apoio e o incentivo que este agasallo supón. Moitas grazas.

Este selo representa, segundo os seus creadores, “as sensações que a cor violeta traz para a nossa mente. Este prêmio é dado aos blogs que têm algumas das sensações da cor violeta. São algumas delas: magia, encantamento, graciosidade, magnetismo... e tudo aquilo que parece mágico".

Selo_Violeta

As regras son as seguintes:

- Exhibir o Selo Violeta no seu blog coas regras;
- Indicar cantos blogs consideras que merecen este selo;
- Avisar aos indicados, non te esquezas diso!;
- Escribir dous poderes máxicos que xa imaxinaches ter.

En cantos aos poderes máxicos, creo que aceptaría calquera dos que xa ten Harry Potter, co permiso da autora, por suposto. Se non fose posible porque seguramente haberá moitos problemas co copyright, valeríame a alfombra máxica de Aladino

2 abr 2009

Os contos do taboleiro

Na Escola de Ismaíl iniciou a súa nova andaina o novo taboleiro fantástico. Os seus nenos e nenas elixiron as primeiras catro palabras, que foron as seguintes: serea, hotel, estrela e lume. Despois, como mariñeiros no mar das historias, botaron as súas propias redes e comezaron a recoller contos e máis contos, e tamén os seus debuxos. A marea preséntase boa, pois no ceo estrelado hai sinais de esperanza. Así será imposible que as historias deixen de nacer…

Mother Moon

Related Posts with Thumbnails