11 oct 2011

Algúns contos ao redor das TIC

Un ordenador con conexión a Internet para cada 2 ou 3 alumnos representaría un compromiso financeiro que deixaría ás escolas sen fondos durante unha década, máis ou menos. Son datos americanos, non de aquí, e por iso talvez non sexan idénticos. Pero a este tipo de informacións non se lles dá importancia, e creo que a teñen.

Unha inversión así obrigaría a abandonar melloras educativas que se necesitan desesperadamente. Hai moitos edificios escolares que precisan reformas con urxencia, determinado mobiliario parece en ruínas en numerosos lugares, os patios de recreo e de xogo tamén queren as súas reparacións, e os tellados os seus coidados, por suposto. E sen esas infraestruturas que son básicas, todo o demais non é relevante.

Actualmente, a pesar diso, a consigna de moda é darlles a todos os alumnos un ordenador con acceso a Internet. Para os políticos, Internet en cada aula converteuse no equivalente moderno de “un prato de comida en cada mesa”. As editoriais e os vendedores de tecnoloxía informática ofrecen programas especiais e libros dixitais para promover a compra masiva dos materiais didácticos que producen. Semella que os ordenadores e a conexión a Internet son para moita xente uns aparatos máxicos que resolverán os problemas das escolas. E aínda máis. Parece que os ordenadores nas aulas son percibidos como unha tecnoloxía comparable ao lume: só con sentarse ao seu carón, os alumnos sairán beneficiados. Como se o coñecemento e as destrezas intelectuais fosen irradiadas desde os monitores ata as súas mentes.

Así e todo, Chris Dede di que os ordenadores escolares que se adquiren como se foran a panacea terminan, moitas veces, servindo para soster a porta da aula. Ou gardados nas súas caixas de cartón, sen usarse durante moito tempo, como sabemos outros…

Aprendiendo con tecnología, de Chris Dede

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails