23 jul 2013

A chuvia de estrelas

Marina M. e Helena C., alumnas de 4º de ESO do instituto Vilatzara de Vilassar de Mar (Barcelona), xunto co seu profesor Jesús Arbués, realizaron este gran traballo. A partir dun conto dos irmáns Grimm, e tendo en conta as pautas do Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA), desenvolveron o proxecto titulado Pluja d’estrelles: traduciron o conto a varios idiomas, adaptárono para unha lectura fácil, e ademais foi convertido e transformado en pictogramas, en cómic, en vídeo, en audio, en canción...

Había unha vez unha nena que era orfa e que vivía en tan extremada pobreza que non tiña nin cuarto nin cama onde durmir. Non posuía máis que o vestido que cubría o seu corpo e un anaquiño de pan que lle dera unha alma caritativa. Pero era moi boa e moi piadosa. Como se vía abandonada, púxose en camiño, confiando en Deus.

Aos poucos pasos encontrou un pobre que lle dixo: "Se me puideses dar algo de comer, porque teño tanta fame!". E ela deulle todo o seu pan dicíndolle: "Deus che axude". E continuou andando. Pouco despois encontrou un neno que choraba, dicindo: "Teño frío no pescozo, dame algo para cubrirme". Quitou a súa bufanda e deulla. Un pouco máis alá viu outro que estaba medio xeado porque non tiña xibón e deulle o seu.

Sendo xa de noite chegou a un bosque, onde achou outro neno que lle pediu a camisa. A caritativa nena pensou para si: "A noite é moi escura, ninguén me verá; ben, podo darlle a miña camisa". E deulla tamén.

Xa non lle quedaba nada que dar. Pero no mesmo instante comezaron a caer as estrelas do ceo e ao chegar á terra volvíanse fermosas moedas de ouro e prata. E aínda que se quitara a camisa, encontrouse con outra enteiramente nova e de tea moito máis fina. Reuniu todo aquel diñeiro e quedou rica para toda a súa vida.

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails